Un grupo de nais e pais de Brión pensamos que sería positivo crear un club deportivo no concello formado e xestionado polas propias familias de Brión.
O obxectivo do club é a de promover o deporte -principalmente en idade escolar- en colaboración co Concello, o colexio, o instituto e as súas respectivas ANPA.
En canto ás escolas deportivas, o club pretende levar a cabo accións dirixidas a concienciar ós pais dos beneficios de practicar deporte, animalos a que inscriban ós seus fillos nas escolas deportivas existentes e coordinar a creación de novas escolas deportivas por parte do Concello.
Non é intención do club a xestión de escolas deportivas, inda que se podería valorar se fose necesario.
Este tipo de accións poden consistir -por exemplo- en invitar a alguén con experiencia en deporte escolar a dar unha charla, ou falar con clubs do entorno de distintas modalidades deportivas e organizar unha xornada do deporte, ou elaborar unha enquisa para coñecer os intereses deportivos dos nenos e nenas do concello, etc…
En canto á creación de novas escolas deportivas temos a experiencia do curso 2015/2016, no que se iniciou a escola deportiva de hóckey a patíns que actualmente ten un grande éxito de participación.
Por qué un club deportivo?
O deporte en idade escolar pódese desenvolver a través de escolas deportivas -onde o deportista iníciase e coñece nunha disciplina deportiva- ou mediante un club deportivo -onde se engade a dimensión da competición- que nestas idades se centra máis na adquisición de valores, actitudes e destrezas que nos resultados.
Os nenos e nenas que se inician nunha actividade deportiva e queren progresar na mesma, precisan dun club para poder federarse e participar nas competicións organizadas polas distintas federacións e organismos oficiais.
Como club deportivo pretendemos dar cobertura ós deportistas e equipos que o precisen mediante a creación de seccións dentro do club, evitando a necesidade de crear un club propio para cada disciplina deportiva.
Estas seccións estarán xestionadas polas propias familias dos deportistas.
Como exemplo esta tempada e a anterior, coa colaboración do Concello e o equipo deportivo Brión Futsal, dous equipos de fútbol sala base participaron na competición federada que organiza a Agrupación de Deportistas Veteranos de Santiago de Compostela. A participación na competición foi xestionada polas propias familias dos nenos e nenas.
A través do club os deportistas poderán participar en competicións oficiais nas modalidades deportivas que estean recollidas nos estatutos do club. Por exemplo: atletismo, bádminton, baloncesto, balonmán, beisbol, campo a través, ciclismo, duathlón, fútbol sala, hóckey, judo, natación, pádel, patinaxe, rugby, tenis de mesa, tiro con arco, triatlón, voleivol, xadrez, ximnasia, etc...
O TEU CLUB
ANIMÁDEVOS A COLABORAR